Negreira acolle esta fin de semana unha máis ca compreta oferta para o tempo de lecer, que conxuga cultura, deportes e festa. No eido cultural, tres son as citas incluídas na penúltima fin de semana do Ciclo de Teatro. Hoxe ás nove da noite, dende Muros, o grupo Aquelando Teatro representa a súa obra ¨No día a día¨, unha comedia con grandes doses de autocrítica e que móstranos o día a día dunha vila mariñeira. E ás once da noite, o Café Fontana (rúa do Corzán), acolle o monólogo ¨No pensar¨, a cargo de Carlos Meixide, dentro da colaboración co Ciclo de Teatro.

 

Estrea

A terceira e última cita teatral atopámola no sábado ás nove da noite, tamén no Auditorio. Chega a agardada estrea da última montaxe de Debullando Teatro, o grupo de adultos da Escola Municipal de Teatro. ¨Old Town¨, é unha comedia dramática ambientada no salvaxe oeste, cuxo leit motiv é a vinganza. Con textos e dirección de Sandra Lesta, todo o plantel de actores e actrices interveñen na obra, dirixida ó público maior de 12 anos.

Aventura

O deporte, sobre todo de aventura, terá a Negreira como base de operacións do vixésimo sexto Campamento Galego de Descenso de Canóns, promovido pola Federación Galega de Espeleoloxía e mailo Club Deportivo Luz Verde, de Arteixo, coa colaboración do Concello de Negreira e, grazas ao traballo de organización do alpinista Rubén Suárez Carballo. Sábado e domingo, os máis de medio cento de participantes percorrerán lugares coma os barrancos do Corzán, na parroquia de Lueiro, e outros como San Paio, Ribeiriños, Gasolfre ou Santabaia, entre os concellos de Mazaricos e Outes, ou o do Xallas, en Dumbría. O sábado pola noite haberá unha cea de confraternidade.

E paralelamente, este sábado celébrase a cuarta Marcha BTT do Val de Barcala, polo veciño concello de A Baña, aínda que a saída e chegada estará no Comprexo Deportivo de Pedra Mámoa.

San Xurxo

A tradicional festa na parroquia de Gonte é o compremento perfecto a tanta actividade cultural e deportiva en Negreira. O sábado é o día grande, con misas dende as dez da mañá. Na sesión vermú actuarán Os Atrevidos de Barcala, e haberá un concerto a cargo da Banda Ateneo de Negreira, baixo a dirección de Raúl Martín Niñerola. Pola noite, segue a festa coa orquestra Abanico.

E para rematalo finde, o domingo, día de San Xurxo Pequeno, máis misas, poxa dos pés de porco e vermú amenizada pola agrupación musical Tíralle do aire. Este ano o recinto da festa foi aocndicionado polo Concello e haberá unha carpa e, mesmo tamén unha pulpeira.

0
0
0
s2sdefault