visita a Ponte Maceira1.JPG

Os alcaldes de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez e de Ames, Blas García, reunironse hoxe cando aos técnicos municipais de ambos concellos, de cara a estudar a viabilidade do saneamento ás vivendas de A Ponte Maceira sitas no lado negreirés.

 

Para levar a bo porto a conexión á rede de recollida e tratamento existente no lado de Ames, estanse barallando diversas opcións como conectar as augas residuais da parte de Negreira co sistema de bombeo situado na parte amesá da Ponte Maceira mediante un topo dirixido baixo as augas do río Tambre, ou mediante unha canalización ao longo do río Tambre ata a zona próxima á depuradora que ten o Concello de Ames, en Agrón, recuperando un antigo proxecto feito con Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio.

 

Deste xeito, estanse valorando as distintas alternativas. A máis viable e menos custosa sería mediante unha conexión por debaixo do leito fluvial para conectar os dous pozos de bombeo, en ambas marxes da Ponte Vella. Agora, o Concello de Negreira elaborará o proxecto técnico para a realización do saneamento na súa parte, toda vez que a de Ames xa conta coa recollida de augas residuais.

 

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, agradeceu a colaboración do Concello de Ames para solucionar o grave problema que ten a veciñanza da zona nun lugar designado como un de Los pueblos más bonitos de España.

powered by social2s