Este venres 5 de marzo faremos entrega dos premios do noveno Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, correspondente ó ano 2020 e que por mor das restricións da pandemia tivemos que retrasar ata este primeiro venres do mes de marzo. O acto levarase a cabo no Auditorio do Centro Sociocultural, a partir das 19:30 horas e estará amenizado coa actuación musical do dúo Minguante.

 

O presidente do xurado, José Antonio Ponte Far, será o encargado de facer unha lembranza do percorrido do certame con referencias á figura e obra do poeta Ardeiro. O xurado está integrado ademais por: Xulio López Valcárcel; María Rey; María López Sández e Diana Varela. En total na presente edición presentáronse un total de 34 poemarios.

 

Os premios contan cunha dotazón económica de 700 e 300 euros, respectivamente, para o gañador/a e mailo finalista, que concede o Concello de Negreira, así como a edición do poemario gañador por parte da Dirección Xeral de Políticas Culturais (Xunta de Galicia), coa posterior entrega de trescentos exemplares.

 

O acto contará entre outros coa participación do alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez e mailo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez.

powered by social2s