A Deputación da Coruña ven de adxudicar por 678.931 euros, a construción de 5 quilómetros de sendas peonís no Camiño de Fisterra-Muxía, ao seu paso polo concello de Negreira. As beirarrúas discorrerán polas marxes da estrada DP-5603 que une a vila de Negreira co Marco do Cornado.

 

A este orzamento hai que sumar outros 119.116 euros que a institución provincial xa destinou á expropiación dos predios necesarios para executar os traballos.

 

As obras na DP 5603 de Negreira a Marco do Cornado realizaranse en catro tramos situados entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 e 7+820, 8+750 e 10+770 e do 11+110 ao 12+900.

 

As novas sendas terán dous metros de ancho e realizaranse en zahorra artificial estabilizada con cemento, o que proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias.

 

As obras están incluídas no Plan de Sendas Peonís, que pretende mellorar a seguridade viaria dos peóns en todas as vías de titularidade provincial. Así mesmo, a Deputación realiza este tipo de actuacións especialmente naqueles tramos polos que discorren as sendas xacobeas, co obxectivo de mellorar as dotacións para os peregrinos e evitar que teñan que transitar pola calzada ou as beiravías, co consecuente perigo.

powered by social2s